ROMARIC FORQUES E NATALIA CASTRO GAÑADORES DO IX TRÍATLON CONCELLO DO CONCELLO DO PORRIÑO.
Os triatletas do Cidade de Lugo Fluvial lograron levantar a banderola da meta cuns tempos de 0:55:56 e 1:03:44 respectivamente.
As condicións meteorolóxicas, coa choiva ameazando con irromper e un vento que facía especialmente complicado o tramo no río, fixeron que este IX Tríatlon Concello do Porriño se convertera dunha das edicións máis dura ata o momento.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo seu homólogo en Tui, Enrique Cabaleiro, e os concelleiros de deportes de ambos os dous concellos, foi o encargado de dar o bocinazo de saída, ao primeiro dos grupos na Comandancia Naval do Miño, ante un público entregado que animaba aos participantes. Tan só 10 minutos despois, saían as triatletas, que non tardaron en coller o ritmo dos seus compañeiros atopándose incluso nas augas do Miño. De seguido, o grupo popular que, como o resto dos participantes completaron os 750 m desta primeira etapa.
En total foron 170 triatletas, que de seguido, colleron a bicicleta e encararon os 20.22 km que separan a transición de Tui coa do Porriño, onde deixaron as bicis para comezar a última etapa, a carreira a pé. 5 km ata a meta instalada na praza Arquitecto Antonio Palacios.
O primeiro en cruzar a meta foi Romaric Forques, triatleta do Cidade de Lugo Fluvial, que se anotou un brillante triunfo. Chegou en cabeza seguido do seu compañeiro de club, David González, que rematou a proba 4s despois. O podio masculino absoluto completao Xoel Rodríguez, do Club Deportivo Delikia que conseguiu un tempo de 0:56:48.
Na categoría feminina a vitoria foi para Natalia Castro, do Cidade de Lugo Flvial cun tempo de 1:03:44, seguida de Iria Fernández , do Club Tríatlon Vilalba, cun crono de 1:07:29 e Carla Guisande, de Club Tríatlon Diablillos en 1:08:41.
A entrega de trofeos correu a cargo do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e concelleiros e concelleiras do equipo de goberno. Todos coincidiron en eloxiar o tremendo esforzo e traballo dos/as participantes, así como destacar o labor dos voluntarios e colaboradores como a Policía Local e Protección Civil do Porriño, Policía Local e Protección Civil de Tui, Comandancia Naval do Miño.
O CAMPIÓN DO MUNDO, PABLO DAPENA, PADRIÑO DO IX TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
Este sábado O Porriño convertirase na capital galega do Tríatlon cunha das súas probas estrela. O Concello do Porriño, coa colaboración do Concello de Tui, organiza este sábado a novena edición do Tríatlon Concello do Porriño.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o concelleiro de Deportes do Porriño, Abel Estévez, o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos, e o padriño da proba, o campión do mundo Pablo Dapena.
O triatleta pontevedrés conta cun importante palmarés na súa traxectoria deportiva: foi Campión do Mundo de Tríatlon de larga Distancia en 2018 e Subcampión do Mundo en 2019. Tamén Subcampión de Europa en 2018 e bronce dúas veces no Campionato Europeo de Ironman 70.3, no 2019 e 2022.
Dapena destacou que se ben coñece ben as rúas do Porriño pola súa participación noutras probas non fixo nunca este triatlón “e cando me poñe máis en forma seguramente veña aquí a participar, pero é unha verdadeira honra apadriñar esta proba que é todo un referente do tríatlon galego”.
O Tríatlon comezará en Tui, como cada ano, cun tramo de 750 metros de natación no río Miño, nas inmediacións do porto deportivo. O tramo en bicicleta percorre 20,2 kilómetros, entre Tui e O Porriño, e a carreira pedestre de 5 kilómetros disputarase no casco urbán do Porriño.
Os/as deportistas gañadores/as de cada categoría e xénero recibirán, ademáis do trofeo, 150€, 100€ e 50€, para o primero/a, o segundo/a e terceiro/a clasificados/as, respectivamente. O primeiro clube masculino e feminino tamén recibirán 200€.
A cativada poderá participar no Tríatlon Mini, unha proba para rapaces e rapazas de entre 4 e 10 anos. Os participantes terán que ir acompañados en todo momento por un adulto, e deberán nadar 25 metros na piscina do pavillón municipal do Porriño, 700 metros en bicicleta ata a Igrexa de Santa María, e a carreira de 300 metros a pé ata a plaza do Arquitecto Antonio Palacios. Esta proba terá lugar o mesmo sábado 8, ás 11:00 horas. En cada unha das disciplinas esperarase a que tódolos participantes estén listos para comezar.
A inscrición para o Tríatlon Tui – Porriño está aberta ata o 5 de xuño na web triatlonconcellodoporrino.com; e para o Tríatlon Mini, directamente na piscina do pavillón municipal do Porriño ou no teléfono 986 34 44 20.
CAMPIÓNS DO VIII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
Nacho Gálvez, do Cidade de Lugo Fluvial, e Sara Guerrero, do Náutico Narón, proclámanse campións do VIII Tríatlon Concello do Porriño. Parabéns!
PRETO DE 200 ATLETAS DISPUTARÁN ESTE SÁBADO O VIII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
191 triatletas disputarán a oitava edición do Tríatlon Concello do Porriño, unha cifra que ratifica a capacidade de convocatoria que ten este evento deportivo.
Esta mañá presentouse o evento nun acto que contou coa asistencia do padriño desta edición, Javier Gómez Noya, cinco veces campión mundial nos anos 2008, 2010, 2013, 2014 e 2015, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, e catro veces campión de Europa nos anos 2007, 2009 2012 e 2016, que compartiu conversa e un ratiño agradable cos nenos e nenas dos coles que tamén asistiron.
O concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, destacou a importancia da proba para o seu municipio e quixo agradecer o labor dos técnicos deportivos de Tui e do Porriño para facelo posible, ademais de convidar a todo o mundo a disfrutar dun evento deportivo desta magnitude.
Na mesma liña se expresou Gómez Noya que ademais asegurou que para el é unha honra respaldar esta proba e poder facelo rodeado de nenas e nenos que disfrutan dende pequenos do deporte.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que este ano a proba rende homenaxe á loita contra o cancro e contempla novidades moi destacables, como a dotación de premios económicos para os para os gañadores. E é que ademais dos tradicionais trofeos para os vencedores de cada categoría e locais, o primeiro e primeira deportista masculino e feminino recibirá un premio de 500 euros, o segundo de 200 , o terceiro de 150 euros, o cuarto de 100 euros e o quinto de 50 euros.
Como cada ano, o tramo de natación sprint será de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.
Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini, no que terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.
O TRIATLON DO PORRIÑO VOLVE CON FORZA:
JAVIER GÓMEZ NOYA COMO PADRIÑO E PREMIOS ECONÓMICOS.
O Porriño quenta motores xa para acoller a oitava edición do Tríatlon Concello do Porriño, que volve este ano con máis forza se cabe.
O evento deportivo, organizado polo Concello do Porriño coa colaboración do de Tui, disputarase o sábado 27 de maio e contará cun padriño de excepción: o cinco veces campión mundial Javier Gómez Noya, campión ademais dúas veces en Ironman, cunha plata olímpica e innumerables medallas en eventos de todos os niveis.
A proba este ano renderá homenaxe á loita contra o cancro e contempla novidades destacables, como a dotación de premios económicos para os gañadores. E é que ademais dos tradicionais trofeos para os vencedores de cada categoría e locais, os primeiro e primeira deportista masculino e feminino recibirán un premio de 500 euros, o segundo/a 200 euros, o terceiro /a 150 euros, o cuarto/a 100 euros e o quinto/a 50 euros.
Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.
Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini, no que terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.
A inscrición está aberta ata o 23 de maio e pode formalizarse a través do seguinte enlace: https://fegatri.org/…/viii-triatlon-popular-porrino…/
VII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO. EDICIÓN 2022.
Pedro Pablo Bernárdez e Cristina Torres impóñense no VII Tríatlon Concello do Porriño. Na categoría local foron Deneb Álvarez e Diego Perez os que subiron ao podium.
Queremos facer unha especial mención ao triatleta pontareá Borja Gómez, que acompañado por Xacob Agra cruzou entre aplausos a meta. Enorme Borja!
Poñemos punto e final a esta edición cun enorme orgullo e agradecemento a todos e todas os que o fixestes posible. Ata o ano que vén!
168 DEPORTISTAS DISPUTARÁN O VII TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
168 atletas disputarán a sétima edición do Tríatlon Concello do Porriño, unha cifra que ratifica a capacidade de convocatoria que ten este evento deportivo.
Entre eles, reputados deportistas como o Campión do Mundo de Tríatlon e padriño da proba, Iván Raña, o piloto local que disputou o Paris-Dakar, Xacob Agra, ou Borja Gómez, ciclista pontareano con síndrome de Down que comezou a pedalear con seis anos e este sábado competirá en igualdade de condicións cos máis grandes da modalidade.
A proba absoluta dará comezo no porto deportivo de Tui ás 16:30 h para a categoría masculina e cinco minutos despois para a feminina. Os triatletas nadarán no Miño 750 m e, unha vez saian da auga dirixiranse ás instalacións da Comandancia Naval do Miño onde estará instalada a primeira transición para coller a bicicleta e sair rumbo ao Porriño. Tras completar os 20,2 km de percorrido entre Tui e O Porriño atoparanse coa última transición na rúa Domingo Bueno, onde cambiarán as rodas polas zapatillas e encararán os 5 km restantes de circuito urbano.
Cabe destacar que un operativo de seguridade e tráfico formado por máis de 200 persoas entre voluntarios, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, encargarase de asegurar que a proba se desenvolva sen incidencias.
O VII TRIATLÓN CONCELLO DO PORRIÑO CANCELASE ATA 2021 E OS CARTOS SERÁN REDIRIXIDOS PARA AXUDA SOCIAL E Á ECONOMÍA LOCAL.
A Concellería de Deportes anunciou hoxe que a sétima edición do Triatlón Concello do Porriño queda cancelada. Esta proba que ten un especial recoñecemento entre os triatletas de Galicia e Portugal reunindo a máis de 200 participantes como acontecera en 2019, ía celebrarse o sábado 20 de xuño.
Como todos os demais eventos calendados no mes de xuño pola FEGATRI (Federación Galega de Triatlón) foron suspendidos por decisión deste organismo á vista da prolongación do estado de alarma e ante os prazos previsibles do plan de desescalada. A decisión federativa adoptouse esta semana e comunicouse onte ao Concello do Porriño.
David Alonso, concelleiro de Deportes manifestou hoxe que a dotación económica que estaba asignada polo Concello para a organización do Triatlón que son 8.000 euros “serán redirixidos a axuda social xunto coas outras partidas orzamentarias municipais que serán modificadas segundo acorde a corporación porriñesa para contribuír a reiniciar a economía local”, declarou Alonso Bargiela.
DIEGO PAZ E CRISTINA TORRES GAÑADORES DO VI TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
Finalmente foron 205 os participantes na sexta edición do Tríatlon Concello do Porriño que se disputou con boas condicións meteorolóxicas, a pesares de que a choiva fixo acto de presenza un par de veces, tanto na saída en Tui como despois en Porriño. Pero de xeito pasaxeiro.
A organización brillou pola súa eficiencia que foi louvada polos participantes. As Policías Locais de Tui e máis de Porriño así como a Garda Civil de Tráfico, o persoal da Comandacia Fluvial de Tui e máis de douscentos voluntarios encargaronse de manter a orde e seguridade tanto dos participantes como do público.
No aspecto deportivo, brillante triunfo de Diego Paz, triatleta de Ponteareas, orixinario da parroquia de Cristiñade e pertenecente ó club “Arcade Consultores Inforhouse”. Chegou en cabeza xunto con Brais Canosa á transición da rúa Domingo Bueno, ao remate do tramo de bici, e marcou as diferenzas no treito final de carreira a pé. O seu tempo final foi de 59′ 59″.
Na categoría feminina igualmente dominou sen discusión Cristina Torres, do club “Tríatlon Mar de Vigo”. Cruzou a liña de meta cun tempo de 1 hora, 14′ 28″. Ainda que na foto aparece outro, hai que restalle cinco minutos que foi a diferenza entre a saída do homes e das mulleres en Tui.
Eva García de la Torre, alcaldesa de O Porriño e Enrique Hernández, en representación da Federación Galega de Tríatlon entregaron os galardóns ós gañadores nas diferentes categorías.
Masculina: 1º Diego Paz, 2º Brais Canosa, 3º Marcos Vila
Feminina: 1ª Cristina Torres, 2ª Patricia Alvarez, 3ª Sandra Sobreira
Cadete feminino: 1ª Antia Pazos
Cadete Masculino: 1º Javier Fernández
Junior masculino: 1º Yago Carballo
Veteranos feminina: 1ª Patricia Alvarez
Veteranos masculino: 1º Agustin Ríos
Primeira triatleta local: Rocio Blanco
Primeiro triatleta local: Diego Pereiro
210 INSCRITOS PARA O TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
Finalmente son 210 os deportistas inscritos para o Tríatlon Concello de Porriño que se celebrará mañá sábado 8 de xuño. Cun percorrido total de preto de 26 kilómetros que discurrirán dende o río Miño ata a praza Arquitecto Antonio Palacios, diante do consistorio porriñés, onde estará situada a liña de meta.
As estimacións da organización que apuntaban que esta sexta edición superaría os 200 participantes, cumprironse o que ratifica a capacidade de convocatoria que tén este evento deportivo. Ademáis, a circunstancia de que o ano pasado non se disputara polo loito oficial decretado en Tui polas víctimas da explosión pirotécnica de Paramos, engadiu máis interese no retorno da proba.
O Tríatlon Concello de Porriño “tén unha especial sona entre os deportistas” segundo ponderou na recente presentación da competición, Gonzalo Triunfo, presidente da Federación Galega de Tríatlon que valoraba que “esta é unha das probas populares mellor consideradas de Galicia e de España pola súa esmerada organización”. Os especialistas valoran de xeito especial as características técnicas e deportivas deste triatlón dado que inclue as transicións de Tui, no río Miño, onde a Comandancia de Mariña; na rúa Domingo Bueno en Porriño para deixar as bicis e pasar a carreira a pé polo casco urbano porriñés ata a praza do Concello.
O tramo de natación sprint é de 750 metros, desenrolase no Miño fronte a sé da Comandancia. O tramo de bici é de 20,2 kilómetros entre Tui e Porriño e despois o tramo de carreira pedestre tén 5 kms de lonxitude. Na edición deste ano a iconografía e cartelería realizouse sobre un fondo de cor morada “como unha homenaxe ás mulleres deportistas”, segundo afirmou Eva García, alcaldesa de O Porriño na presentación que pola mesma razón de fondo, tivo como madriña á ciclista porriñesa Ana María Gónzalez Cuña, actual subcampeona de España e de Galicia de BTT Master 40.
No palmarés de anteriores vencedores do Tríatlon Concello de Porriño destacan Martín Carrera, triatleta del Club Natación Riveira que gañou duas edicións, Diego Paz e o exciclista profesional Gustavo Rodríguez que se impuxera na primeira edición, en 2013. En categoría feminina Aida Valiño, unha das mellores traitletas de Galicia gañou en 2014 e inscribiu o seu nome nun palmarés no que aparecen tamén Iria Huertas e María Martínez, entre outras.
PRESENTADA A VI EDICIÓN DO TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO QUE SUPERARÁ OS 200 PARTICIPANTES.
As estimacións da organización apuntan que a sexta edición do Tríatlon Concello de Porriño que se celebrará o vindeiro 8 de xuño, superará os 200 participantes, á vista de que hoxe en día hai máis de 150 inscripcións feitas. A inscripción estará aberta ata o 4 de xuño, é dicir, ata catro días antes da proba.
Lembrar que se trata da sexta edición porque en 2018 a organización decidiu suspender ó coincidir en datas co loito oficial decretado en Tui polas mortes causadas pola explosión de material pirotécnico en Paramos.
Este mediodía realizouse a presentación que estivo presidida pola alcaldesa Eva García, en representación do Concello de Porriño. Acudiu no nome do Concello de Tui, polo que transcurre unha parte da proba, Eduardo Freiría, concelleiro de Deportes. Tamén asistiron Gonzalo Triunfo, presidente da Federación Galega de Tríatlon e Ignacio Tobarra, Comandante de Mariña de Tui, así como mandos da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Porriño que colaboran tamén na seguridade dos participantes e público.
A alcaldesa de Porriño deu as grazas á organización, de xeito moi especial ós voluntarios dos colexios de educación especial Aceesca e As Esclavas e “particulamente ós participantes, polo voso esforzo e sacrificio e pola ambición de mellorar que ó fin e ó cabo, o que se aprende de facer deporte”, manifestou.
Pola súa banda o presidente da Federación Galega de Tríatlon ponderou que “esta é unha das probas populares considerada entre as mellores, o que supón unn mérito da organización”, sinalou Gonzalo Triunfo.
O Tríatlon Concello de Porriño tén una sona especial en Galicia polas súas características técnicas e deportivas dado que inclue varias as transicións de Tui, no río Miño, onde a Comandancia de Mariña; na rúa Domingo Bueno en Porriño para deixar a bicis e finalmente na praza do Concello onde tamén rematará a carreira a pé.
O tramo de natación de 750 metros, desenrolase no Miño; o tramo de bici é de 20 kilómetros e rematará na avenida Domingo Bueno e despois o tramo de carreira a pé discurrirá polo centro histórico de Porriño ó longo de 5 kms con meta na praza Arquitecto Antonio Palacios.
Nesta presentación do VI Tríatlon Concello de Porriño actuou de madriña a ciclista local Ana María Gónzalez Cuña, actual subcampeona galega de BTT Master 40. Fora invitada polo Concello coa intención de render, na súa persoa, unha homenaxe a todas as mulleres deportistas. Pola mesma razón, este ano, a iconografía do Tríatlon baseáse na cor morada.
Ana María Gónzalez está nun punto álxido da súa tempada, a piques de competir, de novo, polo título autonómico no Campeonato Galego de BTT Master 40 que se celebrará o vindeiro domingo 2 de xuño en Lalín. Ó mesmo tempo está competindo no circuito de 5 probas da “Taça de Portugal”, onde gañou a celebrada en Estremoz e quedou segunda nas outras dúas. Ana María compite enrolada no equipo madrileño “Mito-X Sauce-Berria” e vén de ser galardoada pola Federación Galega de Ciclismo polo recente subcampeonato de España feminino en BTT XCM Master 40.
Ana María animou “a todos e todas cantos o desexen a inscribirse e participar, hai que perderlle o medo e disfrutar dunha proba e das paisaxes polas que transcurre o percorrido”, dixo.
MÁIS FOTOS NA GALERÍA MULTIMEDIA
VI TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO.
EDICIÓN 2019.
O Concello de Porriño, a través da Concellería de Deportes e coa colaboración do Concello de Tui, pon en marcha a vindeira edición do Tríatlon Concello de Porriño que terá lugar, dentro de dous meses, o sábado 8 de xuño.
Trátase da sexta edición da proba posto que en 2018 non chegou a celebrarse polo terrible suceso de Paramos, en Tui. A organización decidiu suspender ó atoparse Tui de loito oficial e máxime sendo este concello o punto de partida da Triatlón coa proba de natación no río Miño.
Polo tanto doce meses despois o Triatlón Concello de Porriño retorna coas forzas renovadas. A organización está cos preparativos da proba que será oficialmente presentada o 24 de maio, nun formato novedoso.
O prazo de inscripción xa está aberto.
NOTA IMPORTANTE: PROBA 2018 SUSPENDIDA.
A incompatibilidade de datas deixa sen celebración o VI Triatlón Concello do Porriño.
Os compromisos deportivos e a programación das Festas do Cristo fan imposible a súa celebración.
Tralo terrible suceso acontecido na parroquia tudense de Paramos o pasado mes de maio, a organización do VI Triatlón Concello do Porriño decidía suspender a celebración da proba deportiva, ao atoparse Tui de loito oficial e sendo o municipio o punto de partida coa súa proba de natación no río Miño.
Esta suspensión levada a cabo como consecuencia da explosión pirotécnica, deixou sen posibilidades reais de nova data, ao estar saturadas ata o mes de setembro as datas concedidas pola Federación Galega de Triatlón -FEGATRI-.
Pese a contemplar todas as posibilidades para a realización da sexta edición da proba deportiva, a nova data que se barallaba era a do 9 de setembro, pero debido a que o día anterior celébrase o Campionato Galego de Acuatlón 2018 en Poio, non se garante o número mínimo de participantes para o VI Triatlón porriñés.
Ademais, a coincidencia coas actividades programadas polo Concello para as Festas do Cristo e outras probas deportivas xa datadas por Fegatri, fan que sexa inviable a localización dunha nova data que se axuste a esta sexta edición. Por iso, vémonos no deber de comunicarlles que estas circunstancias obrígannos a tomar a decisión de suspender esta actividade.
Lamentamos profundamente esta suspensión por todos os nosos deportistas e como non, polos mais de 200 voluntarios e traballadores que fan posible este evento. Dende hoxe mesmo, traballamos para a realización do Triatlón 2019.
NOTA IMPORTANTE: PROBA 2018 APRAZADA.
O VI Tríatlon Concello do Porriño suspéndese en solidariedade cos veciños de Tui.
A proba celebraríase este sábado 26 pero en vista da tráxica explosión pirotécnica de onte en Paramos decidiuse suspendela e buscar nova data para o seu desenvolvemento.
Todo estaba a punto para a sexta edición desta gran cita para os triatletas, pero a traxedia cebouse onte tarde ca parroquia de Paramos, pertencente ao Concello de Tui, municipio do que partía a proba, coa carreira a nado no río Miño. Desde a Concellería de Deportes do Concello do Porriño, dirixida por Manuel Carreira, indícase que “é unha decisión totalmente lóxica, solidarizámonos plenamente con Tui, concretamente cos veciños afectados de Paramos, aos que desexamos unha pronta recuperación e manifestamos o noso máis sincero pésame á familia da falecida” declaraba o concelleiro. Desde a organización da proba, aínda que agora sexa o menos importante, xa se está buscando unha nova data para a súa celebración que ha de confirmarse coa Federación Galega de Tríatlon – Fegatri-, para que este evento deportivo non coincida con ningún outro.
O Tríatlon Concello do Porriño chega a súa sexta edición.
O vindeiro sábado 26 de maio, Tui e O Porriño acollerán a máis de 150 triatletas que completarán, entre ambos municipios e modalidades deportivas, os 25,950 km de circuíto. O Mini Tríatlon tamén se levará a cabo na xornada matinal nunha oportunidade para achegarse a este deporte en familia.
Este mediodía presentábase a sexta edición do Tríatlon Concello do Porriño na Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Suris; o Comandante Naval do Miño, Ignacio Tobarra García; o Cabo 1º da Agrupación de Tráfico de O Porriño, Alberto Pérez; e representando aos atletas inscritos, todo un exemplo de adicación ao tríatlon, o porriñés Kike Morán.
Todos eles destacaron a importancia desta proba deportiva en O Porriño, marcada xa como un referente no tríatlon nacional e que congregará no municipio a 45 minitriatletas e a máis de 200 triatletas segundo os inscritos a día de hoxe, pois o prazo de inscrición finaliza este martes 22 de maio, ás 12 da noite.
Deste xeito, o vindeiro sábado ás 11:00 h. están citados no parking do polideportivo municipal os nenos de entre 4 e 10 anos que, acompañados dun adulto, nadarán 25 m. na piscina con saídas en serie a partir das 11:45 h. Unha vez cambiados sairán a coller as súas bicicletas para completar os 700 m. de bicicleta que pasan polo Cristo dos Cachos, ata a Igrexa de Santa María; o último tramo será o da carreira a pé de 300 m. ata a praza do Concello. O prazo de inscrición finaliza este xoves 24 de maio, ou cando se completen as 45 prazas.
A proba absoluta dará comezo no Porto Deportivo de Tui ás 17:00 h., para a categoría masculina e 10 minutos despois, para a feminina, onde os triatletas nadarán no río Miño 750 m.; unha vez saian da auga, dirixiranse ás instalacións da Comandancia Naval do Miño, onde lles espera a súa bicicleta na primeira transición, para emprender rumbo dirección O Porriño e completar os 20,200 km. ata a rúa Domingo Bueno, onde realizarán a última transición e cambiarán as dúas rodas polas zapatillas, para continuar con dúas voltas de circuíto urbano, finalizando os 5 km. restantes.
Manuel Carreira explicou o desenvolvemento da proba na que a definiu como “unha proba moi dura ao tratarse dun deporte de moito esforzo físico e adestramento”, pois segundo apreciou “parece incrible que logo de saír da auga poidan iniciar un sprint en ascenso en bicicleta”. Así mesmo quixo destacar a importancia no desenvolvemento desta proba e “a implicación de todos os colaboradores e patrocinadores deste evento, voluntarios, asociacións culturais e deportivas e ao xerente de deportes do Concello do Porriño, Julio Bernárdez, pola súa gran labor organizativa”. Finalizaba a súa intervención lembrando á triatleta porriñesa Meri Ferreira, participante habitual nesta proba ata o seu falecemento o pasado ano.
Óscar Suris lembrou que “o Concello do Porriño foi un dos pioneiros en organizar un tríatlon no seu municipio, ao que seguiron posteriormente outras localidades; proba diso é a sexta edición da proba porriñesa cando os demáis concellos van pola segunda ou terceira”. Tamén quixo constatar a complicación de “conseguir a participación entre distintas entidades para a celebración dunha proba deste calibre”, polo que “animo á participación tanto de federados como os que non o son”.
O triatleta porriñés Kike Morán indicaba que o VI Tríatlon Concello do Porriño “é espectacular xa que non coincide onde empezas con onde acabas”; respecto das características técnicas “a natación pode marcar grandes diferenzas segundo as correntes do río; o percorrido en bicicleta é bastante selectivo ata Mosende e a segunda zona ata o casco urbán é moi rápida; a carreira a pé é moi vistosa para o público e faise moi amena para o triatleta, ao sentirse moi arroupado pola xente”. Morán quixo facer fincapé na importancia do Mini Tríatlon “xa que a formación desde a base é fundamental para os valores dos futuros deportistas”.
Alberto Pérez, en representación da Guardia Civil de Tráfico explicou “o noso cometido é asegurar os cortes de tráfico, polo que 10 motoristas da agrupación porriñesa velarán pola seguridade da proba, aínda que grazas ao persoal voluntario co que conta este evento deportivo, podemos realizar a nosa función con maior seguridade”. Para finalizar, solicitou “paciencia, colaboración cidadá e precaución, debido a que non van todos en pelotón, senón bastante dispersos”.
Para o Comandante Naval Ignacio Tobarra “esta será a miña primeira oportunidade de participar nesta proba deportiva”, engadindo que “o río é un elemento difícil xa que as correntes estimadas para o sábado ás 17:00 h. son de 4 nós”.
Pechando esta presentación, a alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre desexaba “un gran éxito para os participantes e esperemos que o tempo nos acompañe”, mostrando gran satisfacción pola alta participación feminina nesta modalidade deportiva e puntualizando que “as mulleres queremos o mesmo espazo que os homes respecto da desigualdade” e finalizaba invitando ao público a gozar deste espectáculo deportivo.
MÁIS FOTOS NA GALERÍA MULTIMEDIA
Martín Carrera revalida vitoria no V Triatlón mellorando a súa marca respeto ao ano anterior.
O triatleta ponteareano xunto a Cristina Torres lograron levantar a banderola de meta cuns tempos de 00:59:29 e 01:12:06 respectivamente.
A temperatura idónea, o trazado controlado e o estado da auga inmellorable fixeron que este V Triatlón se convertera, nunha das mellores edicións da proba ata o momento.
O inicio da carreira abríase cunha importante novidade, xa que a primeira transición situábase este ano nas instalacións da Comandancia Naval do Miño, que ademáis hoxe estaba de celebración no día das Forzas Armadas; motivo de máis para abrir as súas portas ao público. Tanto empeño pola súa banda fixo que a saída do auga fose espectacular, á vez que moi visible para os asistentes.
Dende o momento do bociñazo inicial de saída, accionado polo Comandante Naval do Miño Enrique García, Martín Carrera comezou a facerse notar demostrando que o seu forte está na natación (Club Natación Riveira), posto que antes da chegada á boia que marca a volta, xa destacaba a metros dos seus compañeiros, compretando a proba de auga en 09:14.
Tan só 10 minutos despois, saían as participantes femininas co segundo bociñazo, que non tardaron en coller o ritmo dos seus compañeiros atopándose incluso antes de saír de augas do Miño; de feito a gañadora absoluta feminina, Cristina Torres, nadou os 750 m en 11:28.
No tramo de bicicleta, Martín protagonizou unha grande escapada, aínda que o corredor porriñés Xacob Agra, non quixo perder a oportunidade de chegar o primeiro á segunda transición e demostrarnos unha vez máis que non só despunta no mundo do motor.
Con todo, o ponteareano -que mañá tamén disputará o clasificatorio- volveu situarse na cabeza e lograba entrar en liña de meta cun tempo rebaixado de 10 minutos respeto da edición anterior; xa que nesta ocasión completou as tres probas en 00:59:29. En segunda posición facíao Fabián Ubeira Vidal (Asociación Deportiva C.A.), cun crono de 01:01:01; e o terceiro en pódium foi o triatleta local Víctor Alonso Saa (Club Atletismo Porriño), que se marcou un tempo de 01:01:15. Xacob Agra, chegou o 5º na xeral, pero fíxose co primeiro posto na categoría Veteranos, cun tempo de 01:02:40.
Na categoría absoluta feminina, a triatleta local María Martínez González (Club Atletismo Porriño) quedouse a 40 segundos de alcanzar a vitoria, que foi para a xa mencionada anteriormente Cristina Torres, que entrou en liña de meta cun tempo de 01:12:06. A terceira posición, cun tempo de 01:15:23, foi para Lydia Anna Xandra Adelin (A.D.Trip-Penta Terras de Lugo).
A entrega de trofeos correu a cargo do alcalde accidental do Concello do Porriño, Manuel Carrera; o concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso e o Comandante Naval do Miño, Enrique García. Todos coincidiron en eloxiar o tremendo esforzo e adestramento dos participantes, así como destacar a inmensa labor de todos os voluntarios e colaboradores como a Policía Local e Protección Civil do Porriño, Guardia Civil de Tráfico, FEGATRI, Interruning, A Torta, Eurobanan, Monbus, Gumerjo, Discoteca Rouge, Axa Seguros José Manuel Barros, Morea -ACIPOR-, Powerade, Club Atletismo Porriño, Club Ciclista Spol, A.D. Avanza, C.C. Val da Louriña, U.D. Atios, C.F. San Salvador de Budiño, C.F. Pontellas, C.F. Mosende, Club de Remo de Tui, Grupo Iván Campos, C.C. A Forna, Aceesca, Escravas Virxe Dolorosa de Mos e a peña moteira “Os de Sempre Tui”.
Descarga a táboa de clasificación (PDF) click aquí
MÁIS FOTOS NA GALERÍA MULTIMEDIA